Géneros y Sexualidades

8 M GALICIA

Verín foi o comezo dunha semana de mobilizacións en Galiza cara ao 8 M

Ao redor de 8.000 persoas manifestáronse en Verín o pasado domingo 1 de marzo para reivindicar o dereito das mulleres a recibir unha asistencia sanitaria digna. Previamente, nos últimos meses producíronse manifestacións contra o peche do paritorio e a asistencia pediátricas que pretendía realizar o goberno do Partido Popular (PP) da Xunta de Galicia.

Jacobo A. García

@Jacobscarface

Viernes 6 de marzo | 14:09

A manifestación unitaria foi convocada por Galegas 8 M en común coa Plataforma Feminista Galega co obxectivo de reivindicar o acceso libre a servizos sanitarios básicos. Previamente, o 9 de febreiro, produciuse na localidade unha gran mobilización popular polo anuncio do goberno autonómico de pechar o paritorio, aludindo como motivo a baixa ratio de partos e o envellecemento da poboación.

A presión social conseguiu que Alberto Núñez Feijóo dese un paso atrás, nunha xogada ben calculada cando as eleccións autonómicas son inminentes, o 5 de Abril. Con todo, as mulleres e o pobo no seu conxunto non esquecen os profundos recortes en Sanidade aos que se viron sometidas as galegas e os galegos co goberno do Partido Popular.

O lema da marcha vinculaba o peche do paritorio coa procura da visualización do traballo invisible que recae sobre as mulleres: ‘Sen coidados non hai vida’. Todos os partidos da oposición, dende o PSOE ata o BNG, pasando por Galicia en Común participaron desta mobilización, aínda que resulta destacable que ningún deles apoia a realización dunha folga xeral feminista para o 8 de Marzo.

Verín, con ao redor de 13.000 habitantes, converteuse en exemplo da defensa dos servizos públicos e tamén da existencia dun feminismo na Galicia rural. Entre as consignas que se berraron na manifestación houbo berros como "Se as labregas non plantan, a cidade non xanta".

As convocantes destacaron a importancia do traballo de coidados, que na inmensa maioría dos casos non é remunerado e é fundamental para soster unha sociedade. "A maior parte do traballo dos coidados realízase sen ningún tipo de remuneración, a pesar de que a gratuidade do seu labor aforra custos a sanidade, coidado dos nenos, do fogar, das persoas con dependencia, do traballo na terra", como destacou a organización ao comezo da marcha.

"E cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente", engaden. Así quixeron "sacar á rúa o que fica oculto nas nosas casas, esixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, esixindo tamén que se recoñezan os coidados como un ben social non valorado".

O venres 6 de Marzo realizarase en todo o Estado unha folga estudantil convocada polo Sindicato de Estudantes, á que se sumaron as compañeiras de Contracorrente e Pan e Rosas. En Galiza realizaranse manifestacións en Vigo dende o Farol de Urzáiz, en Ferrol dende o Edificio da Xunta e en Ourense dende a Subdelegación do goberno. Todas elas ás 12.00 horas.

A maior parte das organizacións sindicais, políticas e feministas non convocaron folga para o 8 M, agás o Sindicato Labrego Galego, a Central Unitaria de Traballadores e a Confederación Nacional do Traballo.

Así e todo, realizaranse numerosas concentracións e manifestacións nas principais cidades e grandes vilas de Galicia. A manifestación en Vigo terá lugar ás 18:00 dende a rúa Urzáiz.

En definitiva, agardamos que este 8 M tamén sexa masivo este ano e encha as rúas con decenas de miles de persoas loitando en Galiza polos dereitos das mulleres e contra o sistema capitalista e patriarcal.






Temas relacionados

#8M2020   /   #8M   /   Galicia   /   Géneros y Sexualidades

Comentarios

DEJAR COMENTARIO